Saturday 11 de May de 2024

Paderne solicitará á Xunta o recoñecemento do Entroido de Samede como Festa de Interese Turístico de Galicia


 O pleno aprobou por unanimidade a presentación desta petición para dotar de máis promoción e recoñecemento ao único Entroido Tradicional da comarca

 O Entroido, centenario, foi recuperado no ano 2015 grazas á investigación veciñal e ao impulso de varias agrupacións

O Concello de Paderne solicitará á Xunta o recoñecemento do Entroido de Samede como Festa de Interese Turístico de Galicia. Así se decidiu por unanimidade de todos os grupos políticos no pleno extraordinario celebrado esta mañá na Casa do Concello.

Deste xeito, Paderne tratará de conseguir o recoñecemento a nivel autonómico do único Entroido Tradicional da comarca. Un Entroido centenario que foi recuperado entre o ano 2015 e o 2017 grazas á investigación veciñal e ao impulso de varias agrupacións.

O Entroido de Samede celebrábase xa desde antes da Guerra Civil, pero en 1961 desapareceu. Medio século despois, o entroido da parroquia de San Xulián de Vigo está plenamente instaurado no calendario de Paderne, coa Muiñeira Cruzada ou o Enterro do Policarpio como algúns dos eventos máis singulares dunha celebración que conta con bonitos, carolos ou vixigueiros como algúns dos seus ‘personaxes’ característicos.

Esta solicitude para adquirir o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, promovida polo novo equipo de goberno de Paderne, é tan só o primeiro paso dentro dun conxunto de iniciativas que o executivo ten previstas. Todo co fin de conseguir a repercusión que merece o Entroido de Samede máis aló das fronteiras municipais e comarcais, xa que a festividade xa é promocionada por organismos como a Reserva dá Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e é o primeiro Destino de Ecoturismo certificado de Galicia polo Club de Ecoturismo de España.